Saturday 04 de May de 2024

Igualdade presenta os primeiros resultados das comisións da situación sociolaboral, diversidade funcional e muller no rural do Consello Galego das Mulleres


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe as Comisións do Consello Galego das Mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe os primeiros resultados das comisións da situación socio laboral la muller, de diversidade funcional e da muller no rural, creadas o ano pasado dentro do Consello Galego das Mulleres.

Durante a reunión da Comisión da Situación Socio Laboral da Muller, López Abella destacou que a participación da muller no mercado laboral segue sendo inferior á media europea, pero cunha evolución positiva nos últimos anos. Mentres que a taxa de actividade das mulleres en Galicia é do 48 por cento, a taxa de actividade das mulleres no conxunto de Europa é do 51 por cento.

Resultado do traballo realizado nos últimos meses confirmouse que a participación da muller no mercado de traballo segue concentrándose principalmente en ocupacións tradicionalmente femininas dentro do sector servizos. O seu elevado nivel formativo non se corresponde coa categoría profesional na que se sitúa a maioría das mulleres que traballan en Galicia e representan o 75 por cento dos traballos a tempo parcial.

Por estes e outros motivos, segundo explicou López Abella, a realidade da muller aínda require da visibilización de referentes en todos os ámbitos da nosa sociedade, sendo a presenza das mulleres en postos de dirección ou responsabilidade escasa. Un dos exemplos máis salientables atópase no eido empresarial onde só un 32,7 por cento das persoas que ocupaban cargos de dirección ou xerencia en Galicia no ano 2014 eran mulleres.

A secretaría Xeral de Igualdade destacou o traballo desta Comisión será un pulo moi importante para avanzar no camiño en prol da igualdade da muller na contorna socio laboral.

Durante a Comisión de Diversidade Funcional, Abella recordou que en Galicia 146.627 mulleres teñen algún tipo de discapacidade e representan o 5,7 por cento da poboación galega. A muller con diversidade funcional sofre unha discriminación interseccional. Á discriminación por razón de xénero ou por razón de capacidades, engádese unha persistencia de prexuizos e estereotipos que dificultan a súa participación activa na sociedade.

Relacionado coa lonxevidade das mulleres e a particularidade da nosa Comunidade Autónoma, con pequenos núcleos poboacionais, atopámonos con que en Galicia o 15 por cento das mulleres con diversidade funcional viven soas. A pesar diso e grazas en moitas ocasións ao movemento asociativo, as mulleres con diversidade funcional son moito máis activas socialmente que os homes.

Tamén as novas tecnoloxías, segundo explicou a secretaria xeral, son vitais na comunicación das persoas con diversidade funcional, xa que ademais de mellorar o acceso á información, incrementan o seu grao de autonomía e facilitan a súa presenza na sociedade.

A sensibilización, a formación, a investigación e a xeración de servizos e programas específicos son identificadas como as principais actuacións nas que continuar traballando para acadar unha participación, autonomía e independencia real e efectiva das mulleres con diversidade funcional.

Por último, Susana López Abella presidiu a Comisión da muller no rural, onde destacou que acadar o recoñecemento social, económico e institucional que merecen as mulleres do rural é unha prioridade. Reducirase así a fenda de xénero existente no emprego e no emprendemento, promovendo a conciliación e a promoción da incorporación de mulleres nos órganos e postos de decisión e participación rurais. Só así será posible mellorar a calidade de vida das mulleres rurais e potenciar un desenvolvemento sostible e equitativo do rural.

A secretaria xeral explicou que a singularidade das mulleres rurais require dunha atención específica que teña en consideración as súas diferentes necesidades e expectativas. Tanto a administración, coma o sector empresarial e demais axentes sociais, públicos e privados, deben encamiñarse cara actuacións coordinadas que afronten as ditas particularidades.

O Consello Galego das Mulleres
O Consello Galego das Mulleres creouse coma un órgano colexiado e institucional de Galicia, con carácter consultivo, de participación e asesoramento en materia de igualdade, co cometido de actuar como interlocutor entre a Administración autonómica e ante calquera institución ou entidade de carácter publico ou privado, para o desenvolvemento de políticas encamiñadas á igualdade efectiva entre mulleres e homes.

O Consello creou en xaneiro de 2015 as tres comisións de traballo nas que centra a súa actividade, que son a Comisión Diversidade Funcional, a Comisión Situación Sociolaboral da Muller e a Comisión da Muller Rural, para o estudo e análise de temas específicos, elaborar informes sobre a situación e perspectivas da igualdade, investigar a realidade das mulleres galegas, ademais de elevar propostas e iniciativas aos poderes públicos.